Tuesday 07 de May de 2024

O IV Concurso Fotográfico de Micoloxía repartirá 750 euros para gastar no comercio local


As Xornadas Micolóxicas chegan na súa cuarta edición á Pobra do Caramiñal cunha programación que inclúe coloquios, obradoiros, saída ao campo e concurso fotográfico. As persoas interesadas en participar nesta última actividade deberanse inscribir obrigatoriamente, cun prazo establecido dende hoxe e ata o día 16 de outubro ás 12.00 horas.
Para se anotar é preciso enviar un correo electrónico a  medioambiente@apobra.gal  coa seguinte información: nome, apelidos e teléfono de contacto. Unha vez recibidos eses datos, o Servizo do Medio
Ambiente do Concello remitirá a cada persoa a tarxeta de participación no IV Concurso Fotográfico de Micoloxía.
O prazo para o envío de imaxes finaliza no 6 de novembro, ás 11.59 horas. Admítense só dúas fotografías por persoa participante e unicamente poderá ser premiada unha delas. En caso de se entregar máis, quedarán excluídas tódalas imaxes presentadas. Ademais, deberán ser orixinais e inéditas, responsabilizándose as persoas participantes de se-las únicas autoras delas.
Cada concursante deberá imprimi-la tarxeta de participación recibida por correo electrónico e, por cada imaxe para o concurso, débense realizar dúas fotografías: unha onde se vexa a tarxeta e outra onde non, totalmente anónima, – sendo esta última a que se remita ao xurado-. É preciso enviar ambas.
As imaxes entregaranse en soporte dixital no enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal, indicando como asunto Concurso Fotográfico de Micoloxía 2020.
O xurado emitirá o seu ditame no 13 de novembro e as persoas gañadoras serán nomeadas por unha resolución da Alcaldía, que será publicada no Facebook do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal e na páxina web municipal, ademais de avisar polo correo electrónico ou teléfono.
Os premios consistirán en bonos de compra no comercio local e establecementos de restauración do municipio (un total de 750 euros).
Considéranse tres galardóns con diferentes contías. As bases completas están dispoñibles na páxina web www.apobra.gal e a resolución de dúbidas efectuarase mediante  medioambiente@apobra.gal .